martes, 19 de maio de 2020

Terra de mosteiros


No século IV viviu entre nós Prisciliano que foi o primeiro axustizado por herexía do cristianismo. Era asceta e vexetariano; os seus postulados están próximos ao gnosticismo e animismo. Defendía a participación activa das mulleres nos templos, non prohibía o matrimonio de clérigos nin monxes e condenaba a escravitude. Dise que pode ser el quen ocupa o sepulcro do apóstolo na catedral compostelá.
Galicia é terra de mosteiros. Nas cidades distribúense intra e extramuros e no campo son grandiosos estandartes de pedra que poden seguir habitados por monxes: Sobrado dos Monxes (famoso polo tradutor automático que o converteu en Buhardilla de los Monjes), Santa María de Armenteira (coas xerriñas e o románico de transición) ou convertidos en hoteis como o de Aciveiro ou San Estebo de Ribas de Sil (parador de turismo), en concellos como o de Meira ou o de Lourenzá (onde está soterrado o Conde Santo). Oseira coas bóvedas apalmeiradas, Monfero coa fachada axadrezada, o convento de Herbón que introduciu os pimentos procedentes de América e que pasaron a chamarse de Padrón, con fachada exenta como o de Santa Clara de Santiago, Samos onde se desconfía que pernoctaron nazis non se sabe por canto tempo, San Pedro de Rocas cos sartegos escavados e as grandes rochas servindo de sostén, Montederramo de propiedade particular...
Algúns... convertidos en pura ruína como o de Caaveiro ou Santa María de Oia.

xoves, 14 de maio de 2020

Augas


Nace o Miño na lagoa Fonmiñá ou no Pedregal de Irimia. Debaixo das pedras escoitase o son de auga que baixa. Un lugar privilexiado, unha morrera ou restos dun antigo glaciar, pola anta do monte baixa unha forte enfesta e varias explicacións mitolóxicas: que se Irimia era unha bruxa que arrebola pedras aos monxes que querían cobrarlle os tributos mentres repite que o río é miño, ou as pedras son xentes que non creron no seu e están condenadas a permanecer así cumprindo a maldición dos que non valoran aquilo ao que pertencen.
Ao baixar atopas o mosteiro de Meira (de onde proviñan os monxes da bruxa), unha frmosa construción cirterciense da que se conserva a igrexa cunhas portas coas ferraxes máis fermosas que podan imaxinar ois nosos ollos, un anaco de mosteiro convertido en concello e as formas que permanecen na ocupación do espazo
Un río que percorre a bandeira e é pai do rei dos canóns: o Sil, coas súas profundas fendeduras que buscan a verticalidade.
O país dos mil ríos que se deixa acompañar polo seu son. Alguns deles estendéndose na entrega e formando rías. Eses femininos vales entre fluviais e marítimos polos que entran e saen as correntes de auga doce e salada conforme van e veñen as mareas.
O país das augas quentes e frías.
O país dos dous mares ou dos varios. O Cantábrico de atúns. O mar océano que nos leva a outro continente. Os mares da pesca e da emigración, sempre levándonos lonxe, sempre castigándonos.

mércores, 6 de maio de 2020

Cidades para cada tempo e outras singularidades


Singularidades
Hai cidades para cada tempo: o Ferrol da Ilustración, o Vigo modernista, o Santiago medieval… que establecen como un todo porque o país é pequeno e percórrese tal como facía El Rei do poema avilesiano: “Pideu cabalgadura: o reino enteiro percorreu nun soño, e recontou as pombas, as centeeiras, fixo conta das brétemas, das urces e de todo canto lle pode pertencer a un rei”
Un país que denomina épocas históricas como Séculos Escuros (aqueles nos que a voz culta foi enmudecida) e Longa noite de pedra (a da ditadura, que ademais de prohibir eliminou todo vestixio de avance e liberdade, facendo pagar con sangue o pensamento propio). Escuridade e noite para definir os peores tempos e facelo de maneira lírica.
Calzadas romanas que conducen a castros nos que as edificacións son redondas, sen principio nin fin, sen presidencia na mesa, nin arestas. 
A Trabe de Ouro é unha revista de pensamento crítico, pero o seu nome vén dunha lenda galega segundo a cal os tesouros dos mouros están escondidos en trabes ou vigas que sosteñen galerías subterráneas escavadas. Seica hai dúas trabes que sustenta o conxunto de túneles; buscando a trabe de ouro podes atopar (en vez do tesouro) a trabe de alquitrán. Sen buscala nós atopamos alquitrán ou chapapote canda certo tempo. O medo... paralízanos.

xoves, 30 de abril de 2020

En cada horta... e os grandes nnomes na natureza



                                                                                                                                             A Pena do Home (Val do Dubra)
O hórreo en cada horta e en grupo, ás veces, na beiramar de Combarro e nas eiras do interior. Eirados no alto con cabaceiros, a modo de constelación xenérica. A primeira vez que o vin quedei sorprendida, como é posible que non estivera cada un á beira da súa casa, coma o can, a cociña de fóra, o forno…? Aínda que logo coñecín os fornos comunais, por barrios ou lugares; en Celavente funcionan así e hai unha festa e ruta dos fornos a principios de verán onde, seguindo ao gaiteiro, camiñamos de forno a forno, comendo as viandas e bebendo o viño da colleita.  
Muíños e muiñadas, aqueles territorios de liberdade onde mozos e mozas se atopaban nas noites de moenda. As cancións que o contaban e os muíños sen uso como restos dun naufraxio.
Unha poboación diseminada que ocupa o territorio nos vales e litorais, estendéndose ata as lindes dos agros. Alí onde comeza o monte, como demarcación da rexión doutros seres, onde o salvaxe está acubillado.
A Pedra do Home. O Cabo do Mundo. A pena do Home. A praia do Rostro. Cabo Home… 
As verbas grandes non nos asustan nin sequera nos topónimos.

luns, 27 de abril de 2020

Nacionalidade e símbolos


Somos unhas das nacionalidades históricas, con lingua e cultura propia. O noso referente ideolóxico é Castelao, un humorista sensible, alguén que dixo que se fixera médico por amor a seu pai e non exercera por amor á humanidade, un pintor con problemas de vista, un dos homes que máis quixo a Galicia e que tivo que morrer lonxe dela.
Temos un territorio no noroeste e outro na diáspora, estendido por América e Europa, formado por emigrantes cargados de saudade. A nosa odisea, o noso canto heroico, ha tratar sobre a emigración; estamos agardando a que algún bardo a cante.
Téñense atopado escrituras nas que nas lindes se cita a Irlanda, mar por medio. E hai xente que en días, con determinada luz, desde o cabo Ártabro ve esa terra irmá.
A nosa literatura que comeza nas cantigas e se reinventa cos versos do XIX ( “Cantarte hei Galicia na lingua galega consolo dos males e alivio das penas”) ten a variante en prosa cando Neira Vilas comeza Memorias dun neno labrego con “Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di un ninguén. E ademais pobre”. Un mantra co que moitos galegos se definen. Non lle preguntes, e ti quen es, pois xa sabes cal vai ser a resposta.