domingo, 24 de maio de 2020

De nós a Nós


No noso país a principios do século XX organizáronse as Irmandades da Fala, grupos de homes e mulleres (irmandiñas) que defendían a Terra e a Fala, que crearon as Escolas do Ensiño Galego para transmitirlle os valores de Galicia aos máis novos e remataron edificando construcións políticas coma o Partido Galeguista, de investigación cultural como o Seminario de Estudos Galegos e de difusión como a revista Nós... Todo un traballo a xermolar que foi cortado de raíz e envelenado polo golpe de estado do 36 e a ditadura que lle dou continuidade.
Unhas xeración de nome Nós... porque así nos definimos, sen darlle voltas, simplemente nomeándonos. No 1920 mentres nacía a revista Nós, mentres nós eramos Nós, en México tiña lugar a revolución e os muralistas estaban no centro do mundo.   
Un século máis tarde, en 2020, nacía o xornal Nós, mantido por un grupo de galegos e galegas dispostos s apoiar a lingua. Eran tempos baixos.

martes, 19 de maio de 2020

Terra de mosteiros


No século IV viviu entre nós Prisciliano que foi o primeiro axustizado por herexía do cristianismo. Era asceta e vexetariano; os seus postulados están próximos ao gnosticismo e animismo. Defendía a participación activa das mulleres nos templos, non prohibía o matrimonio de clérigos nin monxes e condenaba a escravitude. Dise que pode ser el quen ocupa o sepulcro do apóstolo na catedral compostelá.
Galicia é terra de mosteiros. Nas cidades distribúense intra e extramuros e no campo son grandiosos estandartes de pedra que poden seguir habitados por monxes: Sobrado dos Monxes (famoso polo tradutor automático que o converteu en Buhardilla de los Monjes), Santa María de Armenteira (coas xerriñas e o románico de transición) ou convertidos en hoteis como o de Aciveiro ou San Estebo de Ribas de Sil (parador de turismo), en concellos como o de Meira ou o de Lourenzá (onde está soterrado o Conde Santo). Oseira coas bóvedas apalmeiradas, Monfero coa fachada axadrezada, o convento de Herbón que introduciu os pimentos procedentes de América e que pasaron a chamarse de Padrón, con fachada exenta como o de Santa Clara de Santiago, Samos onde se desconfía que pernoctaron nazis non se sabe por canto tempo, San Pedro de Rocas cos sartegos escavados e as grandes rochas servindo de sostén, Montederramo de propiedade particular...
Algúns... convertidos en pura ruína como o de Caaveiro ou Santa María de Oia.

xoves, 14 de maio de 2020

Augas


Nace o Miño na lagoa Fonmiñá ou no Pedregal de Irimia. Debaixo das pedras escoitase o son de auga que baixa. Un lugar privilexiado, unha morrera ou restos dun antigo glaciar, pola anta do monte baixa unha forte enfesta e varias explicacións mitolóxicas: que se Irimia era unha bruxa que arrebola pedras aos monxes que querían cobrarlle os tributos mentres repite que o río é miño, ou as pedras son xentes que non creron no seu e están condenadas a permanecer así cumprindo a maldición dos que non valoran aquilo ao que pertencen.
Ao baixar atopas o mosteiro de Meira (de onde proviñan os monxes da bruxa), unha frmosa construción cirterciense da que se conserva a igrexa cunhas portas coas ferraxes máis fermosas que podan imaxinar ois nosos ollos, un anaco de mosteiro convertido en concello e as formas que permanecen na ocupación do espazo
Un río que percorre a bandeira e é pai do rei dos canóns: o Sil, coas súas profundas fendeduras que buscan a verticalidade.
O país dos mil ríos que se deixa acompañar polo seu son. Alguns deles estendéndose na entrega e formando rías. Eses femininos vales entre fluviais e marítimos polos que entran e saen as correntes de auga doce e salada conforme van e veñen as mareas.
O país das augas quentes e frías.
O país dos dous mares ou dos varios. O Cantábrico de atúns. O mar océano que nos leva a outro continente. Os mares da pesca e da emigración, sempre levándonos lonxe, sempre castigándonos.

mércores, 6 de maio de 2020

Cidades para cada tempo e outras singularidades


Singularidades
Hai cidades para cada tempo: o Ferrol da Ilustración, o Vigo modernista, o Santiago medieval… que establecen como un todo porque o país é pequeno e percórrese tal como facía El Rei do poema avilesiano: “Pideu cabalgadura: o reino enteiro percorreu nun soño, e recontou as pombas, as centeeiras, fixo conta das brétemas, das urces e de todo canto lle pode pertencer a un rei”
Un país que denomina épocas históricas como Séculos Escuros (aqueles nos que a voz culta foi enmudecida) e Longa noite de pedra (a da ditadura, que ademais de prohibir eliminou todo vestixio de avance e liberdade, facendo pagar con sangue o pensamento propio). Escuridade e noite para definir os peores tempos e facelo de maneira lírica.
Calzadas romanas que conducen a castros nos que as edificacións son redondas, sen principio nin fin, sen presidencia na mesa, nin arestas. 
A Trabe de Ouro é unha revista de pensamento crítico, pero o seu nome vén dunha lenda galega segundo a cal os tesouros dos mouros están escondidos en trabes ou vigas que sosteñen galerías subterráneas escavadas. Seica hai dúas trabes que sustenta o conxunto de túneles; buscando a trabe de ouro podes atopar (en vez do tesouro) a trabe de alquitrán. Sen buscala nós atopamos alquitrán ou chapapote canda certo tempo. O medo... paralízanos.