martes, 23 de xuño de 2020

Mulleres galegas






Tivemos unha escritora que soubo reflectir a profundidade social galega no naturalismo; feminista, tivo que saltar mil obstáculos para ser libre e o seu pazo acabou ocupado polo ditador, aínda se deben estar movendo os ósos da Pardo Bazán.
Concepción Arenal, coa mirada nos desprotexidos, tamén era de aquí, igual que a súa amiga Juana de Vega que chegou a ser institutriz da raíña.
Tamén era galega a primeira correspondente de guerra, Sofía Casanova, a pintora surrealista Maruja Mallo, a que reinou despois de morta Inés de Castro, a actriz María Casares no exilio permanente, a monxa Exeria que no século IV peregrina a Terra Santa e escribe a viaxe, as dúas mestras Elisa e Marcela que se casaron en 1901, a Belle Otero na Belle Epoque, Hildegart construída pola nai e asasinada ao non cumprir coas súas expectativas e tantas outras con nomes como María Castaña ou María Balteira...
Aí van elas, nesa Santa Compaña de silenciadas, polos camiños do país, na noite.

mércores, 17 de xuño de 2020

Arte, fantasía e recreación


Non somos prepotentes e recoñecemos aos outros como o demostramos a  nivel literario recreando mitos doutras culturas, dende a materia de Bretaña (coa que traballaron Ramón Cabanillas, Cunqueiro, Ferrín, González Reigosa, Darío Xohán Cabana ou Begoña Caamaño) ata a multiplicidade da que se fai eco Cunqueiro traéndonos a Galicia desde Simbad ata os mitos gregos. 
E tamén houbo escritores que viñeron polo seu pé, como Jules Verne que viaxou a Vigo. 
Dicía Torrente Ballester que en Galicia temos que crer na fantasía porque cando imos por unha corredoira nunha mañá de inverno, entre as néboas propias dese tempo... e vemos ao lonxe algo que semella botar fume, ata que conseguimos ver nitidamente que é un carro coas vacas respirando, hai un tempo de indefinición no que podemos pensar nun dragón. En propia persoa podo certificar que o que resultou ser unha fábrica de cemento, durante un tempo foi para min, un castelo. 
Cando Daniel sorrí no Pórtico da Gloria a dozura empreña o románico.




 

luns, 8 de xuño de 2020

O Reino esquecido, a república soñada


Seica fomos reino cos suevos, despois da caída do Imperio Romano, é o primeiro estado medieval que acuña moeda; a estrutura política máis antiga das actuais comunidades autónomas. Pero non é diso do que queremos falar, unha comunidade histórica que lle entrega os votos a partidos que non cren na autonomía nin en Galicia dá como resultado un vivir sen vivir en si, sen soñar os soños propios, sen amarse a si mesma. Non imos chorar polo que foi, xa só nos doe a perda dunha lingua e unha cultura que forman parte da patrimonio do mundo.
Uns poucos aguantando as columnas do templo non chegan para evitar o derrubamento.
Galicia, unha das sete nacións celtas, nacións maioritariamente sen estado propio, situadas na Europa Occidental que comparten trazos na cultura: música, lingua, arte… Irlanda, País de Gales, Illa de Man, Escocia, Bretaña, Cornualles e Galicia. Os celtas na Historia de Galicia, situados nos castros e nas idades dos metais, petróglifos e dolmens.

venres, 5 de xuño de 2020

De mitoloxía e tradición


 
Houbo xente que se dedicou a estudar os seres míticos galegos.
De Lugo e para todos, investigaron Cuba, Reigosa e Miranda (e outros máis dende diferentes lugares). Contáronnos o que se narraba dende o atrás dos tempos acerca do que podía suceder ou do que podía existir, esa xente que non é xente e anda entre nós. Galicia encantada é o nome da páxina onde se recolle ese saber común que segue sumando entradas.
A mitoloxía da antiga Gallaecia saíu por outras mans e todas elas resultado da escoita, a lectura e a creación.
De escoitar saben moito tamén os nosos músicos que andaron os camiños para recoller as cancións, ata facelo tamén cos instrumentos que eran ferramentas de campo; o Cancioneiro populargalego veu á luz da man de DOROTHÉ SCHUBARTH E ANTÓN SANTAMARINA, unha suíza que aniñou entre nós e un filólogo e académico; unha riqueza coa que poucos países contan e que se enriquece cando o Museo do Pobo Galego pon en marcha o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) onde atopar rexistros sonoros e audiovisuais procedentes das coleccións de patrimonio inmaterial.

martes, 2 de xuño de 2020

Os nomes dos lugares


Un país que ten miles de topónimos porque todo é nomeado e nós atámonos a pequenos anacos de terra ou de marcas no mar. Nunca tan rica en nomes de lugares foi unha terra! Poderiamos recitalos a modo de oracións pregando pola conservación.
"Onde só queda alguén para aguantar dos nomes", escribiu Novoneyra nunha desas frases que conteñen a sabidoría da humanidade situada nas nosas terras. Acompañouno na aventura dese título, Emilio Araúxo, outro home: filósofo ou labrego, básico e esencial, que podería contar o que non se di.
Nomearnos é tan importante que se establecen conflitos cando o nome que che dan os outros, as outras, non coincide co que te das ti. O nome pono a familia, antes de coñecerte, un exercicio de recolleita de estirpe ou de actualidade. Hai uns días un xornal traía a noticia de que as familias non colocan nomes galegos ás súas criaturas, non, non o fan, porque non se senten identificados nin co país, nin coa lingua nin cos seus nomes.
Da onomástica á toponimia. 
Os nomes dos lugares singularízanos. Faino ser un fronte ao común, dálle propiedade, faino propio. E cando dicimos. Houbo un tempo no que Cunqueiro dixo algo así como "Bendito sexa Deus por darme o don da fala nosa, por ensinarme a dicir rula e fonte... e entón eu dicindo estas palabras era verdadeiramente dono da rula e da fonte". Non atopo as súas palabras e as miñas lembranzas non recollen a forza do seu pensar. Síntoo, porque eu escoitándoo, léndoo, tamén era dona de todas as cousas que el dicía.

 Dúas fotos no lugar dun nome. Non recollen nin parte. Non recollen ren máis que a mirada dun turista que escolle unha praia ou a dun observador que atopa animais do terciario feitos pedra nas rochas.