Amosando publicacións coa etiqueta Mulleres. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mulleres. Amosar todas as publicacións

martes, 23 de xuño de 2020

Mulleres galegas






Tivemos unha escritora que soubo reflectir a profundidade social galega no naturalismo; feminista, tivo que saltar mil obstáculos para ser libre e o seu pazo acabou ocupado polo ditador, aínda se deben estar movendo os ósos da Pardo Bazán.
Concepción Arenal, coa mirada nos desprotexidos, tamén era de aquí, igual que a súa amiga Juana de Vega que chegou a ser institutriz da raíña.
Tamén era galega a primeira correspondente de guerra, Sofía Casanova, a pintora surrealista Maruja Mallo, a que reinou despois de morta Inés de Castro, a actriz María Casares no exilio permanente, a monxa Exeria que no século IV peregrina a Terra Santa e escribe a viaxe, as dúas mestras Elisa e Marcela que se casaron en 1901, a Belle Otero na Belle Epoque, Hildegart construída pola nai e asasinada ao non cumprir coas súas expectativas e tantas outras con nomes como María Castaña ou María Balteira...
Aí van elas, nesa Santa Compaña de silenciadas, polos camiños do país, na noite.

mércores, 22 de abril de 2020

De mulleres e identidade

Tal vez unha das pinturas que mellor nos represente sexa a chamada estética do granito: mulleres redondeadas e fortes, ornamentadas co barroco que sobrou das igrexas rurais.
Unha muller no principio, Rosalía, elas, as anónimas da arte representándonos. Tamén tivemos unha industria artística que nos identificaba, uns artistas comprometidos que crearon unha empresa de cerámica na que destacaba un azul cobalto... para elaborar as vaixelas que se usarían nas casas e polas que nos recoñecerían no mundo. Durou pouco, xa antes mataran ao marqués de Sargadelos, creador da primeira fábrica, por ilustrado, a Díaz Pardo botárono da empresa e baleirárona de contido.  Con Sargadelos ía O Castro co Museo Carlos Maside e a editorial do mesmo nome, onde se recuperou a memoria histórica e se publicou todo o publicable.
... Estamos a deternos na perda. 
Porque nos deron moito e malgastámolo todo, coma unha caste de innobres, unha estirpe de malignos, unha liñaxe de ruíns.  
E a identidade hai que ganala, por iso moitos prefiren pensar que non existe e entregarse nos brazos do alleo, da morte doce.
Sentencia: crueis cos débiles e cov
ardes cos poderosos: a peor raza, a etnia máis miserable.