sábado, 25 de abril de 2020

Festas e camiños


Temos festas propias como o samaín que marca o remate da tempada de colleitas e a metade escura do ano, cabazas convertidas en cabezas son o símbolo co que se recoñece esta celebración relacionada cos defuntos e próxima ao magosto no que se compangan castañas e viño novo.
Hai festas de santos que son as que veñen do pasado máis próximo. Festas de misa e procesión, de pedir polas casas para montar un festorrio que, a ser posible, supera as dos veciños. Festas de vermú a mediodía e uns toques, de banda que percorre a aldea ou grupos de gaitas. Vivimos tan fóra de nós e tan nos tempos escuros que cando o cura ergue o cáliz ese grupo de música toca aínda ou tocou ata hai pouco tempo o himno español. Era a unión da Igrexa e o Estado ditatorial que se facía un e grande no momento da consagración. Aínda así houbo xente capaz de crer nun deus redentor que acompañaba aos desherdados da terra, aos humildes.
E pola noite a orquestra. Unha orquestra que foi evolucionando dende aquelas primeiras nas que era pequena e estaba única e exclusivamente para que a xente bailara. Para iso fixéronse os palcos que nos últimos tempos arruinaran a paisaxe co cemento e o cadrado ocupando lugares que debían ser case sacros coma os adros ou as carballeiras. Unha pintada "Saca de aí ese palco ho, que non vai nada coa carballeira "nas terras do interior indo cara a costa da morte. Agora, feito xa o mal, deixouse aí, e as orquestras medraron ata converterse en mafias denunciadas e publicadas, pero é igual, chegan inmensas cos seus tráilers e montan un espectáculo de son e luz, de corpos novos con roupas e movementos que pretenden recoller o peor do tropicalismo. A xente xa non baila, moito xa non se achegan sequera á festa e os que van miran porque o que lle ofrecen é algo para observar, non para participar. Os máis novos prefiren unha discoteca móbil e un DJ.
Aínda así, continúa a haber festas fermosas nas que a xente, libremente, arredor de calquera que fai música, se pon a bailar. Toda esa xente que acude a clases de baile e instrumentos populares, toda esa xente que segue no empeño de "sácame aí este paso" e brincan traendo o patrimonio ao agora.
Os Maios, no comezo da primavera, é a exaltación da natureza nunha árbore, cos cantos arrolándoa. A Rapa das Bestas, reuníndose para facer un traballo que se perdeu no tempo.
E outras festas que apareceron hai un tempo e se conservan polo bo facer duns poucos como a orixinal "Vilaxoán canta" con todo o pobo cantando ese día, e todo o ano, xuntándose a ensaiar ou a verse.
Ou os festivais que se van organizando ao longo e ancho do territorio como o Festival Celta de Ortigueira, fillo menor do de Lorient, coma os dos diferentes tipos de música ou os de teatro entre os que destaca o de Ribadavia onde espertou o teatro nos anos finais da ditadura. O festivan de cine de Cans que arodia ao de Cannes coa chispa que, de vez en cando, ten a nosa xente nova. Cos tractores e matraquillos facendo de limosinas, os alboios de salas de luxo e todo o pobo facendo de anfitrión, participando e facébdose protagonistas dunha festa na que propiamente se xunta o glamour co noso popular.
Logo están os sucedáneos, os inventor copiados como as festas gastronómicas que só están para dar de comer aos de fóra ou para mostrar unha parte de nós que non era preciso ensinar. As feiras medievais e variantes de renacemento, celta e demais que leva unha empresa de vila en vila. Mentiras maquilladas de Historia. Copias de si mesmas para todos.    


Ningún comentario:

Publicar un comentario