luns, 20 de abril de 2020

De termas


Temos lugares que nos sitúan mirando ao mar e nos sentimos como Rose De Witt na proa do Titanic. Camiñamos sobre lousas de granito para percorrer os tellados da catedral compostelá.
Bañámonos en burbullas coas copas das árbores rodeándonos e a piques de tocar a pequena cúpula iridescente en Mondariz, alí onde tivemos un gran edificio, digno dun goberno, que convertemos en apartamentos.
O país é verde, neboento, húmido; as xentes padecemos de artroses e reumas, pero a terra que dá os males ten remedio para eles. E así nos naceron os balnearios, as termas que aparecen para quentarnos os osos e dar confortabilidade. De norte a sur e de leste a oeste: Carballo, Caldas, Cuntis, A Toxa, Laias, Arnoia, Auga Santas, Termas romanas de Lugo e unha ducia de sitios máis onde poder bañarse en augas quentes. Lobios, a un paso de Portugal, co río Caldo onde se van facendo piscinas a diferente temperatura, Ourense coa burgas a un paso da praza Maior coma un milagre continuo.
Herdeiros á forza, como nos denomina un escritor de noso, non apreciamos o que temos ata o punto de non poder atopar na rede información en galego sobre os nosos balnearios, ata o punto de non darnos conta de que determinados hoteis da Toxa teñen un entorno só superado por Venecia, ata non ser conscientes de que as burgas de Ourense son un luxo que calquera cidade do mundo tería colocado no mástil máis alto da xeografía, pero nós somos así...  


Ningún comentario:

Publicar un comentario