xoves, 16 de abril de 2020

De pazos e abandonos


Casas pequenas coma as do remo e grandes pazos dos señores da terra que lle dan ao granito a solemnidade dunha ópera. Atopámolas situadas no Ulla como no caso de Oca chamado o Versalles do país, o de Mariñán nas Mariñas coruñesas tan ben retratadas por Lloréns, o do Faramello coa primeira papeleira ao pé do río onde o tempo se detivo, o de Lourizán coa presenza de Montero Ríos paseando o modernismo arquitectónico e o romanticismo nos xardíns, o de Meirás onde viviu Pardo Bazán e a familia do ditador ou o de Tor co labirinto de pedra e os actores do destape. “Pombal, capela e ciprés, pazo é", pedra, vexetación e auga para construír grandes casas e xardíns moi diversos, desde o de traza francesa aos de camelias e paseo das oliveiras en Santa Cruz de Rivadulla pola que en Semana Santa desfilaba o pobo.
Na Galicia profunda fican as aldeas abandonadas ou con vellos que rexuvenecen no verán cando volven a velos. Con todo o que se podería facer con esas aldeas que agora se venden por catro patacos a estranxeiros! 

Escoitase a gaita e o aturuxo para rexuvenecer a vida que vén de lonxe. As roupas e xoias dos traxes tradicionais visten aos bailaríns e músicas. Cando se escoita a Marcha do Antigo Reino de Galicia sabémonos reino con panteón na catedral de Santiago (na capela das reliquias, para máis inri), raíñas e reis de noso e algún que ata escribiu na nosa lingua. Foi daquela cando “El Rei colleu o arado” que recitaba Avilés. O esplendor medieval coas cantigas.
"Mais ese día El Rei colleuo arado: relocía o seu manto
como unha eira no serán. E abrollaron as cantigas
de amor cando as palabras se fixeron pombas.
Porque estaba un rei arando no pomar. Aínda se escoita
ese coro no vento.
É do pouco que queda do reino esvencellado"

 
Mais ese di

luns, 13 de abril de 2020

Arquitectura con ou sen arquitecto


Rematado o artigo, decido continuar cumprindo a manda
Retomo ao asunto e fago lembranza:
Pedíranme, en Coralia, un artigo que eu asimilei a un encargo que me fixera alguén xa desaparecido e que consistía en tentar que quixeran o noso país, que o valoraran. E rematárao cando chegara á escaleira decaracol de San Domingos de Bonaval. Continuarei…
Enrolouse o Barroco en si mesmo cando Domingo de Andrade deseñou a escaleira de Bonaval (ao modo das xeometrías imposibles que séculos máis tarde desenvolvería Escher): unha tripla hélice, tres escaleiras independentes que conducen a diferentes pisos e salas; a irrealidade espallándose na vertical. Deste mesmo arquitecto é a Torre do Reloxo da catedral, que xoga a aparecer ou desaparecer detrás da brétema cando esta chega a Compostela para facela levitar. As grinaldas de flores e froitos que dende a Casa da Parra a tantas outras de Compostela nos falan da fartura aínda feita sobre a pedra máis dura ou na terra máis pobre.
As igrexas que comezaron románicas e remataron barrocas, o barroco de aldea que non falta en ningún sitio. Os restos da policromía dos primeiros tempos, eses murais que rodean o altar abarcando a ábsida e mostran as pinturas inxenuas por toda a Ribeira Sacra e arredores. Arquitectura sen firma, sen autor coñecido. Arquitectura para deuses e humanos. Arquitectura civil.
Fachadas de galerías de cristal que forman parte da construción vernácula que se vai adaptando a cada lugar e necesidade, coa lousa e os tixolos, o granito e as madeiras para edificar pendellos, corredores, soleiras e patíns. Arquitectura sen arquitecto que ergueu hórreos, fontes e pontellas, lavadoiros, pendellos, cruceiros, fornos, muros, muíños e lareiras. Ás veces, aínda quedan as pegadas da construción curva dos castros e camiñando corredoiras preguntámonos se de verdade chegaron aquí os romanos coa súa liña recta.

sábado, 11 de abril de 2020

Arte e arqueoloxía


Dolmens e mámoas ante os que nos refuxiamos porque aí estaba o cranio da primeira nai. Miliarios, torques que levou o avó antergo, esculturas que nacen do humus moitos séculos despois... como as de Asorey. E volven, asilvestradas e fortes nas obras de Leiro, tamén dende Cambados.

A arte románica e barroca eríxense como estilos nacionais. A primeira delas, florece en Santiago para mirada do mundo, nese Pórtico da Gloria para acadar o ceo en vida; a segunda, escribe no granito a lingua que non podía desenvolverse na literatura ao longo dos Séculos Escuros. Enrolouse o Barroco en si mesmo cando Domingo de Andrade deseñou a escaleira de Bonaval e a torre do Reloxo que bota a tocar as campás sobre a Quintana de vivos e mortos.
País de marabillas. Xentes condenadas a non valoralas, destruíndoas. E a Santa Compaña paseando as noites mentres busca a redención das almiñas todas que non deron visto a beleza en vida.

sábado, 4 de abril de 2020

Vilas e cidades


Temos vilas con anacos detidos no tempo como Betanzos que foi chamada dos Cabaleiros, Cambados coas ruínas dunha igrexa gótica no medio do cemiterio actual, Rianxo onde naceu a nación cos homes do primeiro terzo do XX, Allariz coa pedra conservada lembrando que aquí foi onde Afonso X aprendeu galego, Celanova co mosteiro e facendo veciñanza con Vilanova dos Infantes onde alguén matou ao cura que custodiaba a Virxe do Cristal,… 
Unha cidade dentro da muralla pola que paseamos como se se tratase dunha alameda; outra cidade que se baña nas burgas mirando ao Pórtico do Paraíso e sentándose ao sol dunha Praza Maior que se inclina.
Pontevedra, mirándose no Lérez onde recolle a Illa das Esculturas e mostra o modelo de cidade reconstruída cos parámetros da infancia para facilitar a vida de todas as persoas. 
Encoros que deixan ver vilas romanas en épocas de seca, castros ou aldeas. Calzadas e camiños reais; castros en penínsulas, illas ou montañas.