Amosando publicacións coa etiqueta Amar o país. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Amar o país. Amosar todas as publicacións

venres, 24 de xullo de 2020

O país das marabillas

Si, o país das marabillas é o noso.
Nel tivo lugar a feira das marabillas na que Manu Chao se facía acompañar por Pinto de Herbón e Josefa de Bastabales. Tiña algo daquela, o pequeno Chao, que levaba detrás o circo en Francia e en Colombia, os nenos que o seguían, ás veces co pedido de adopción.
Marabillosos foron os mundos que para nós creara Cunqueiro e algúns máis.
A república dos Soños xa que non podemos ter a da Esperanza. Ese é o noso país das Marabillas, o lugar onde perder a medida do tempo mentres se pasma e se profunda. Porque coma as vacas que se deitan nos prados, nós somos os amos da mansedume, os donos do silencio; somos os que nos imos cando nos vai mal e montamos tenda en calquera lugar do mundo onde seremos botados de menos.











Cando Alicia entrou no País das Marabillas estaba no noso onde unha raíña nos vai cortando a cabeza sempre que pode, un coello corre (porque sempre chega tarde a todas partes) e unha nena faise grande e pequena dependendo do momento.












Na salvaxe rapa das bestas, no arqueolóxico castro de Baroña ou na pedra formosa de Ribalonga, estamos nós.
Pisando onde pisaron os ancestros, vendo e sentindo o mesmo ca eles.

sábado, 21 de marzo de 2020

Os porqués de "Encargos de amor"

Encargos de amor  (II) Os porqués.
Quero cumprir esa encomenda. Procurarei razóns para responder á pregunta: por que? Por que querer a esta terra?
Non por chauvinismo. Non porque o noso sexa o mellor... pero tampouco peor.
É noso e debemos velo sen avergoñarnos, sen pedir perdón por existir, sen enganarnos cunha copia falsa e pasteleira.
É noso e debemos defendelo porque ninguén o pode facer por nós, nin o vai facer. Correspóndenos esa obriga.
"Érase unha vez un rei. Reinaba sobre o país que lle tocara en herdo. Facíao con desgana, sempre considerara que era pouco para el. Pensaba el que os irmáns tiveran máis sorte pois o seus reinos eran distintos... igual máis ledos e festeiros. Andaba coa cabeza baixa, non quería ver o que tiña ante el. Cando un ministro lle dicía:
-Mirade, Maxestade, que grelos máis xeitosos.
Contestaba el:
-Bah, se foran alcachofas.
Cando outro lle comentaba: -Din que a nosa lingua dá moito xeito para cantar, seica xa o facían hai máis de mil anos, os antigos.
El contestaba:
-Xa será menos, se falaramos a lingua do outro lado sen acento, mellor nos sería.
Cando aparecían as pebidas de ouro nos ríos ou as vetas de cuarzo no monte, deixaba que outros as explotaran: -Total para o que valen!-dicía
Chegou a importar árbores que acababan coa auga e coa terra, que non deixaban que medrara nada debaixo, mentres animaba a cortar as fragas, carballeiras e soutos porque esas árbores eran vellas e retortas, mentres as de fóra eran lanzais, dicía.
Tiña as mellores modistas no seu territorio, que traballaban con materiais nobres coma o liño, pero el escollía os foráneos e fiábase deles... tanto, que se conta como nunha ocasión lle venderon un traxe que non existía dicíndolle que era o máis fermoso pero que só o podían ver os listos e honrados. Foi daquela cando un rapaz se riu del berrando "El Rei está espido" e foi secundado por todo o pobo, incluso polos sabios e santos.
Si, El Rei estaba nu de cabeza e sentimentos, era un "acomplexado" e acabou servindo ás ordes do irmán máis listo, que o convenceu para que lle entregara a coroa e pasara a ser servo doutro país que lle gustaba máis"
Acabou a liña, rematou o conto. Segue a "moralexa".
Non hai razón para ocultarse, só temos que mirarnos, pensarnos e dicirnos.

venres, 20 de marzo de 2020

Galicia, o país da marabilla ou das marabillas


Hai uns meses escribín un artigo para Coralia que quixen chamar "Encargos de amor".
Todo naceu querendo cumprir unha manda que me fixera Nieves Modia e que levaba agochada, nalgún lugar do cerebro, agardando o día de poñerme a escribir. "Fai que queiran o país" dicíamo unha muller que morreu como as románticas, de amor, e marchou detrás de Bernal porque a vida lle perdera cor coa súa perda.
Encargos de amor, fora tamén o que Gustavo Martín Garzo me puxera na dedicatoria de El libro de los encargos: "Que todos los encargos sexan de amor".
Desa maneira comezou un longo texto que coma un cabo se vai anoando e repartindo en anacos que serán as entradas deste blog.
Comezamos cunha foto en branco e negro desa Compostela pétrea rodeada pola selva que pode ser a de Esmelle, na que a arboleda semella galopar e as torres se alzan estilizadas e maxestosas como destino. O país das marabillas estaba aquí, dende sempre, vírano os ollos limpos, Cunqueiro e Torrente, vírao Gabo dende o outro lado do mar, Valle e todos/as as que conseguiran emocionarnos.