sábado, 21 de marzo de 2020

Os porqués de "Encargos de amor"

Encargos de amor  (II) Os porqués.
Quero cumprir esa encomenda. Procurarei razóns para responder á pregunta: por que? Por que querer a esta terra?
Non por chauvinismo. Non porque o noso sexa o mellor... pero tampouco peor.
É noso e debemos velo sen avergoñarnos, sen pedir perdón por existir, sen enganarnos cunha copia falsa e pasteleira.
É noso e debemos defendelo porque ninguén o pode facer por nós, nin o vai facer. Correspóndenos esa obriga.
"Érase unha vez un rei. Reinaba sobre o país que lle tocara en herdo. Facíao con desgana, sempre considerara que era pouco para el. Pensaba el que os irmáns tiveran máis sorte pois o seus reinos eran distintos... igual máis ledos e festeiros. Andaba coa cabeza baixa, non quería ver o que tiña ante el. Cando un ministro lle dicía:
-Mirade, Maxestade, que grelos máis xeitosos.
Contestaba el:
-Bah, se foran alcachofas.
Cando outro lle comentaba: -Din que a nosa lingua dá moito xeito para cantar, seica xa o facían hai máis de mil anos, os antigos.
El contestaba:
-Xa será menos, se falaramos a lingua do outro lado sen acento, mellor nos sería.
Cando aparecían as pebidas de ouro nos ríos ou as vetas de cuarzo no monte, deixaba que outros as explotaran: -Total para o que valen!-dicía
Chegou a importar árbores que acababan coa auga e coa terra, que non deixaban que medrara nada debaixo, mentres animaba a cortar as fragas, carballeiras e soutos porque esas árbores eran vellas e retortas, mentres as de fóra eran lanzais, dicía.
Tiña as mellores modistas no seu territorio, que traballaban con materiais nobres coma o liño, pero el escollía os foráneos e fiábase deles... tanto, que se conta como nunha ocasión lle venderon un traxe que non existía dicíndolle que era o máis fermoso pero que só o podían ver os listos e honrados. Foi daquela cando un rapaz se riu del berrando "El Rei está espido" e foi secundado por todo o pobo, incluso polos sabios e santos.
Si, El Rei estaba nu de cabeza e sentimentos, era un "acomplexado" e acabou servindo ás ordes do irmán máis listo, que o convenceu para que lle entregara a coroa e pasara a ser servo doutro país que lle gustaba máis"
Acabou a liña, rematou o conto. Segue a "moralexa".
Non hai razón para ocultarse, só temos que mirarnos, pensarnos e dicirnos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario