domingo, 22 de marzo de 2020

Comeza a travesía


Alá imos!
Somos un país pequeno que contén mundos variados, xeografías diversas, realidades distintas.
Unha costa que comeza no Cantábrico, con paisaxes como a praia de Augas Santas ou das Catedrais, onde paseamos entre as rochas coma quen percorre as naves de varias basílicas. 
Unha beiramar con acantilados que se sitúan entre os máis altos de Europa, ao pé de San Andrés de Teixido; santuario ao que vai de morto o que non foi de vivo e que debe ser visitado con coidado de non pisar ningún animal que podería ser a alma en pena de alguén que anda a peregrinar reencarnado. Cando fores, merca os sanandresiños (amuletos modelados co miolo do pan e pintados con forma de flor, a barca, o santo, a sardiña, a escaleira, a man, a coroa e a pomba), colle herba de namorar e pasa pola fonte antes ou despois de entrar na igrexa. 
Todas as crezas se xuntan nunha, nun sincretismo que se apoia no panteísmo dunha paisaxe grandiosa.
Emocionámonos ante esa natureza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario