sábado, 28 de marzo de 2020

O país dos mil ríos


 
O interior lévanos ao país dos mil ríos, as selvas de Esmelle que nos remiten ao ciclo artúrico, aos lugares onde sempre foi bosque no dicir de Novoneyra, ás carballeiras, soutos e fragas. Aí está a Ribeira Sacra na que os mosteiros erguen as torres sobre o verde coma os templos de Tical sobre a selva. Illados, os conventos, nos lugares escollidos para a vida recollida na meditación e a comunicación coa transcendencia. As voltas dos ríos formando meandros imposibles, como o Cabo do Mundo. A viticultura heroica nas ladeiras de montes nas que están plantadas as vides que ofrecen o outono máis colorido en ocres e granates, as masas boscosas onde se conserva a masa forestal primixenia e esas estacións acabarán atraendo o turismo culto e delicado de amantes da beleza que fai vibrar as membranas internas.
Ancares e Courel, as montañas redondeadas das vellas terras, co silencio espeso dos mundos que ficaron atrás. Entra o inverno e collemos o tren en Ourense cara a Castela, nas beiras do río rachan de amarelo as mimosas nun dos percorridos máis atraentes. Irresistibles son tamén os xardíns de inverno, coas árbores que acostumamos ver no outro extremo da Terra: magnolias e camelias preñadas de flores ofrecéndonos o espectáculo de chans estrados de pétalos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario