mércores, 25 de marzo de 2020

Costeando...

Continuando a liña de costa chegamos ao Arco Ártabro, un anfiteatro no que se miran as rías de Ferrol, Ares, Betanzos e A Coruña. 
Ferrol foi cidade militar, protexida polos castelos de San Felipe e A Palma que se miraban e unían cunha cadea impedindo o paso. O seu nome sufriu cambios e tamén os asteleiros de onde saiu o Discoverer Enterprise un martes trece para rachar a ponte das Pías.
O ollo de deus ou torre de Hércules míranos cando pasamos, un faro da antigüidade observa o paso do tempo pola cidade e as desgrazas de todo tipo no mar. Do outro lado da cidade brilan os cristais das galerías coa cotidianeidade como bandeira.

Se continuamos polo litoral, chegamos á Costa da Morte: faros e naufraxios. 
Pequenas vilas: Camariñas, co repenique das palilleiras facendo encaixe e a canción que leva o seu nome como banda sonora; Muxía, coa igrexa que queimou un raio á beira da pedra de abalar; Fisterra, no fin da terra coñecida para os romanos e ata onde camiñan os peregrinos que continúan buscando o solpor; Camelle, onde un home coñecido por Man morreu de amor ao mar, ou o Ézaro, dominado polas ciclópeas rochas do monte Pindo e onde o Xallas desauga no mar en forma de fervenza.





Ningún comentario:

Publicar un comentario