xoves, 26 de marzo de 2020

Baixando a costa


Atrás quedou o faro Vilán, como un dragón que se estira cara ao mar; a oposición entre o edificio xeométrico e o cabo abrupto é a imaxe natural que alguén levou ao cadro xogando coa hiperrealidade e o informalismo. 
Logo virán as rías máis suaves, eses fiordes formados polas desembocaduras dos ríos que seica se configuraron cando o deus creador apoiou a man para descansar, deixando a pegada dos seus dedos afundidos nos vales fluviais. 
A modo de mostra, Muros cos soportais que viron a cámara de Ruth Matilda Anderson e continúan mirándonos. Noia, no fondo do ría, coas laudas gremiais do mellor cemiterio medieval e as torres irregulares de San Martiño onde Guerin filmando se matou.
Baixando, baixando atoparemos os   piñeiros de Castelao tocando auga, cidades que viven mirando illas, mosteiros que mollan a cantería no mar, o templo Votivo e a Virxe da Roca saídos da man do arquitecto Palacios para gloria de Galicia. O Miño, que fai de fronteira natural coas terras irmás de Portugal; mirámonos nas augas e o idioma vai e vén, recoñecéndose.

Ningún comentario:

Publicar un comentario