Amosando publicacións coa etiqueta Lingua. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lingua. Amosar todas as publicacións

venres, 17 de xullo de 2020

Caligramas do noso poeta da montaña na roupa dunha multinacional

Nace a nación con versos. Os versos das cantigas medievais.
Renace cos de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro:
"Cantarte, hei Galicia,

teus dulces cantares, 


que así mo pediron

na veira do mare.



Cantarte hei, Galicia,


na lengua gallega,


consolo dos males,


alivio das penas."
Agora, unha empresa que se espande polo mundo coloca versos de Novoneyra nas súas camisetas e gorras. Os caligramas do poeta do Caurel estampados camiño da Terra, dando fe da nosa lingua e da nosa poesía.  Eses versos, a modo de aforismos berrados, van polo aire e só falta o seu recitado:
"Din os soños e os paxaros que a morte non é certa", "Bailas e fase libre"...!

sábado, 18 de abril de 2020

De entroido e lingua


O entroido oculto ao longo da ditadura -naquela noite de pedra que nomearon os poetas- espertou con toda a súa riqueza, moi distinto en cada lugar porque está amarrado ás propias raíces. Pantasmas e xenerais, cigarróns e peliqueiros, felos e boteiros, madamitas e damas, galáns ou volantes traen as cores da gran festa pagana, que fai xirar as certezas ao ritmo do bombo. Cando vemos os tambores coas manchas vermellas do sangue dos que non poden parar de tocar -aínda que doia- sabemos que a tradición segue viva na rapazada e profunda, tamén, como certificamos diante do oso de Salcedo. Escoitalos ao lonxe, para ir achegándose, e poder ver a comparsa coa fermosura do auténtico.
Fixádevos, dicía Neira Vilas, somos un país pequeno cunha lingua propia que non teñen moitos países moitísimo máis grandes, mirade senón Arxentina, Brasil ou Estados Unidos (tan poderoso). Unha lingua que cantou á amizade na Idade Media e foi escoitada nas terras coñecidas, prohibida ao longo de séculos e rexurdiu cando Rosalía escribiu “Cantarte hei Galicia teus doces cantares que así mo pediron... na lingua galega consolo dos males alivio das penas”. Un país pobre, con moita emigración estendéndose e afirmando que hai un galego ata na lúa, as fotos das despedidas nos portos, e as sociedades de emigrantes erguendo a bandeira, o himno, a Real Academia Galega, as escolas para que aprendesen os que quedaban no país.
Un himno que pregunta, onde se viu tal cousa?