venres, 24 de xullo de 2020

O país das marabillas

Si, o país das marabillas é o noso.
Nel tivo lugar a feira das marabillas na que Manu Chao se facía acompañar por Pinto de Herbón e Josefa de Bastabales. Tiña algo daquela, o pequeno Chao, que levaba detrás o circo en Francia e en Colombia, os nenos que o seguían, ás veces co pedido de adopción.
Marabillosos foron os mundos que para nós creara Cunqueiro e algúns máis.
A república dos Soños xa que non podemos ter a da Esperanza. Ese é o noso país das Marabillas, o lugar onde perder a medida do tempo mentres se pasma e se profunda. Porque coma as vacas que se deitan nos prados, nós somos os amos da mansedume, os donos do silencio; somos os que nos imos cando nos vai mal e montamos tenda en calquera lugar do mundo onde seremos botados de menos.











Cando Alicia entrou no País das Marabillas estaba no noso onde unha raíña nos vai cortando a cabeza sempre que pode, un coello corre (porque sempre chega tarde a todas partes) e unha nena faise grande e pequena dependendo do momento.












Na salvaxe rapa das bestas, no arqueolóxico castro de Baroña ou na pedra formosa de Ribalonga, estamos nós.
Pisando onde pisaron os ancestros, vendo e sentindo o mesmo ca eles.

venres, 17 de xullo de 2020

Caligramas do noso poeta da montaña na roupa dunha multinacional

Nace a nación con versos. Os versos das cantigas medievais.
Renace cos de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro:
"Cantarte, hei Galicia,

teus dulces cantares, 


que así mo pediron

na veira do mare.



Cantarte hei, Galicia,


na lengua gallega,


consolo dos males,


alivio das penas."
Agora, unha empresa que se espande polo mundo coloca versos de Novoneyra nas súas camisetas e gorras. Os caligramas do poeta do Caurel estampados camiño da Terra, dando fe da nosa lingua e da nosa poesía.  Eses versos, a modo de aforismos berrados, van polo aire e só falta o seu recitado:
"Din os soños e os paxaros que a morte non é certa", "Bailas e fase libre"...!

martes, 14 de xullo de 2020

313 concellos entre o capicúa e a exceso (se non serven para ser)

De aquí (Galicia) son tamén as pallozas de forma oval, con cubertas de colmo que semellan rodealas como sombreiros de setas.
Temos 313 concellos, case tantos como días o ano e illas de San Blas en Panamá, alí onde as mulleres cosen as molas e véndenas por menos do que corresponde nun exercicio de difusión que se paga con outros ingresos. Concellos pequenos que poderían servir case para a autoxestión, concellos onde se poden coñecer todos e todas, saber das necesidades e porlles remedio. Moitos concellos, que se non actúan de maneira directa e simplemente copian o que fan os grandes máis vale que non o sexan.
Hai concellos (neste noso país) tan pequenos, que nin nome propio teñen e compárteno co veciño como Mondariz Balneario, outros case non posúen capitalidade e andan na súa busca como na da arca perdida.
Algúns lugares lévannos no pensamento a outros. Cando desde o casco vello miras cara a Belvís na noite, semella que o convento está colgado sobre a escuridade. A colexiata de Sar co noso granito mirando o mármore da Torre de Pisa e caendo caendo caendo...

sábado, 11 de xullo de 2020

Camiños na fin





















Estamos no fin da terra ou no comezo do ceo. Cando, dende o monte, miramos o mar, podemos velo vertical, perdida a liña do horizonte que os separa...
Aquí rematan os camiños que nos atravesan como a rosa dos ventos. De diferentes nacionalidades ou da Prata, de Inverno ou Primitivo, todos chegan a nós marcados por unha estrela na terra e unha vía de leite no ceo. Camiños con sendas que nos sobrecollen e igrexas como a de Santa María a Real do Cebreiro onde se fala da presenza do Grial que buscaban os cabaleiros de Artur. Igual iso trouxo á súa xente a Galicia e aquí quedou a materia de Bretaña con todos eses personaxes vivindo entre nós. E os topónimos con Bretoña perto de Mondoñedo, onde Cunqueiro xogou coa maxia de Merlín, Artur veu da man de Méndez Ferrín disposto a darnos unha nova versión en Amor de Artur, porque ás veces o que se le como traizón é unicamente afecto compartido.
Andan, entre nós, formando unha Santa Compaña cos nosos, compartindo camiños que van dun país a outro, dun imaxinario persoal a outro común.
 


xoves, 2 de xullo de 2020

Un pouco de Historia de Galicia

 
"O reino suevo foi fundado por este pobo xermánico na primeira metade do século V na provincia da Gallaecia do Imperio romano de Occidente tras penetrar na península ibérica xunto con vándalos e alanos no 409.  No 585 o reino suevo deixou de existir ao ser conquistado polo rei visigodo Leovigildo e o seu territorio foi incorporado ao reino visigodo de Toledo. Nesa data o visigodo Braulio de Zaragoza escribe: «No afastado oeste hai un estado analfabeto onde non se sente nada salvo os ventos de tormenta». A historia da Gallaecia sueva, en territorio das actuais Galicia, Asturias, León e Rexión Norte (Portugal) estivo algo marxinada na cultura de España, pois foi un estudioso alemán quen escribiu o primeiro informe sobre os suevos de Gallaecia, como admitiu o historiador Xoán Bernárdez Vilar."  (Tomado da wikipedia). Unha exposición realizada en Ourense, hai uns anos, fixo que as miradas se detiveran nestas circunstancias históricas, pena que non houbo interese por facela itinerante por outras capitais e puidera chegar a máis galegos.
Viñeron os árabes e Almanzor mandou levar as campás da catedral de Santiago ao lombo dos cristiáns prisioneiros ata Córdoba, onde se di que foron utilizadas como lámpadas na mezquita; dous séculos despois Fernando III o Santo, tróuxoas de volta ao lombo de prisioneiros musulmáns. Andan os perdedores dun lado para outro... cargados, as campás tocando polos camiños como unha Santa Compaña que se move nas coodenadas Norte - Sur.
Do IX ao XII os viquingos fixeron expedicións de saqueo subindo polo leito dos ríos. Provocaron o traslado das sedes episcopais de Bretoña e Iria Flavia a Mondoñedo e Compostela. Catoira eríxese no centro da conmemoración deste feito, xentes rubias de ollos azuis semellan falarnos dos ascendentes.
Unha terra de aluvión, pola que pasaron uns e outros, deixando pegada. 
Terra que acolle, incluso aos que a negan, e marcha cando non pode sobrevivir. Moito país na diáspora e os que permanecen, pasman, observando a beleza do mundo que se ofrece á nosa vista.

martes, 23 de xuño de 2020

Mulleres galegas






Tivemos unha escritora que soubo reflectir a profundidade social galega no naturalismo; feminista, tivo que saltar mil obstáculos para ser libre e o seu pazo acabou ocupado polo ditador, aínda se deben estar movendo os ósos da Pardo Bazán.
Concepción Arenal, coa mirada nos desprotexidos, tamén era de aquí, igual que a súa amiga Juana de Vega que chegou a ser institutriz da raíña.
Tamén era galega a primeira correspondente de guerra, Sofía Casanova, a pintora surrealista Maruja Mallo, a que reinou despois de morta Inés de Castro, a actriz María Casares no exilio permanente, a monxa Exeria que no século IV peregrina a Terra Santa e escribe a viaxe, as dúas mestras Elisa e Marcela que se casaron en 1901, a Belle Otero na Belle Epoque, Hildegart construída pola nai e asasinada ao non cumprir coas súas expectativas e tantas outras con nomes como María Castaña ou María Balteira...
Aí van elas, nesa Santa Compaña de silenciadas, polos camiños do país, na noite.

mércores, 17 de xuño de 2020

Arte, fantasía e recreación


Non somos prepotentes e recoñecemos aos outros como o demostramos a  nivel literario recreando mitos doutras culturas, dende a materia de Bretaña (coa que traballaron Ramón Cabanillas, Cunqueiro, Ferrín, González Reigosa, Darío Xohán Cabana ou Begoña Caamaño) ata a multiplicidade da que se fai eco Cunqueiro traéndonos a Galicia desde Simbad ata os mitos gregos. 
E tamén houbo escritores que viñeron polo seu pé, como Jules Verne que viaxou a Vigo. 
Dicía Torrente Ballester que en Galicia temos que crer na fantasía porque cando imos por unha corredoira nunha mañá de inverno, entre as néboas propias dese tempo... e vemos ao lonxe algo que semella botar fume, ata que conseguimos ver nitidamente que é un carro coas vacas respirando, hai un tempo de indefinición no que podemos pensar nun dragón. En propia persoa podo certificar que o que resultou ser unha fábrica de cemento, durante un tempo foi para min, un castelo. 
Cando Daniel sorrí no Pórtico da Gloria a dozura empreña o románico.